O Sergas intensifica a busca de asintomáticos con varios cribados masivos
A área Sanitaria de Ferrol anunciou este xoves que o cribado desenvolvido entre o luns e o mércores pasados en Ortigueira (A Coruña) concluíu cun único positivo por covid−19 entre as 577 persoas que se someteron ás probas. Segundo o departamento público, citouse a 705 persoas e acudiu o 81,8 % dos convocados. Así, agradeceu "a participación e o esforzo continuado" dos implicados neste proceso na localidade ortigueiresa.
O Servizo Galego de Saúde prosegue entre este xoves e o venres cos cribados iniciados o mércores en Mugardos e Pontedeume, tamén na área de Ferrol. En total, están convocadas unhas 1.690 persoas de entre 40 e 50 anos. No caso da vila mugardesa, citouse a 620 veciños, mentres que na eumesa fíxose o propio con outros 1.070 en total.
Seis positivos en Ordes e dous na Estrada
Un cribado realizado no municipio de Ordes lanzou seis positivos con coronavirus, mentres outro na Estrada (Pontevedra) mostrou dous infectados, segundo informa a área sanitaria de Santiago. No cribado de Ordes participou o 65,7 % dos 2.300 cidadáns convocados. Continuará este venres, 5 de febreiro. No caso da Estrada, participou o 73,3 % dos 2.800 convocados ao centro de saúde entre 31 e 50 anos.
Cribado masivo en Cambre e Culleredo
As autoridades sanitarias insisten: a mellor forma de controlar os contaxiados asintomáticos son os tests, que seguen facéndose por toda Galicia en forma de cribados masivos. Esta tarde comezou un para os veciños de Cambre e Culleredo, dous concellos coruñeses moi castigados pola pandemia
Serán dez días de cribado na busca de asintomáticos. Están convocados máis de 30.000 veciños de entre 18 e 60 anos. As autoridades insisten na importancia de acudir á cita para frear a cadea de transmisión do virus. Cómpre lembrar que tanto Cambre como Culleredo teñen unha situación epidemiolóxica moi preocupante. En gran parte por seren concellos con moita mobilidade laboral.
Os concellos de Cambre e Culleredo estaban a finais de xaneiro por riba dos dous mil puntos de incidencia acumulada. As autoridades solicitaron a realización dun cribado masivo para os 32.000 veciños que teñen entre 18 e 60 anos
As probas comezaron este mércores. Os convocados acudiron. desafiando a chuvia e os receos, conscientes da responsabilidade social en dous concellos onde a mobilidade laboral é inevitable.
As probas realizaranse ata o 14 de febreiro. Entrementres, as autoridades insisten: a mellor forma de evitar os contaxios e cumprir as normas e sair pouco da casa.
Cribado en Louriña e Condado-Paradanta
A área sanitaria de Vigo informou da citación, nos próximas días, de case 11.000 persoas das comarcas da Louriña e Condado-Paradanta para a realización de probas para detectar casos asintomáticos de COVID−19.
Así, convocarase para facer probas PCR a 7.000 veciños do Porriño, a 1.811 de Mondariz, a 1.669 das Neves e a 380 veciños de Mondariz-Balneario. Os veciños destes últimos municipios xa empezaron a acudir ao posto covidauto do hospital Meixoeiro (e seguirano facendo ata o domingo), mentres que os citados do Porriño terán que acudir ao Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) entre este venres e o domingo.