Un triatleta lucense reta a facer 500 flexións e recadar fondos para o Banco de Alimentos de Lugo
O triatleta lucense Marcos Codesal puxo en marcha o reto 500 PushUps na web GoFundMe. O desafío consiste en realizar 500 flexións sen saír da casa e doar un céntimo por cada unha delas ao Banco de Alimentos de Lugo.
Marcos Codesal, triatleta impulsor do reto 500 PushUps en GoFundMe: "O fin último é doar 5 euros a través da páxina de 'crowdfunding' GoFundMe. A cuestión é facer por cada céntimo, unha flexión. Podemos facer a doazón antes ou despois do reto. Por exemplo, podemos facer a doazón antes e cumprir co reto co paso dos días."
O obxectivo desta campaña solidaria é recadar mil euros. Con eses cartos, o triatleta doará ao banco de alimentos dous palés de arroz, cun peso dunha tonelada e media.
Marcos Codesal, triatleta impulsor do reto 500 PushUps en GoFundMe: "A doazón é o fin último, pero podemos facer o reto adquirindo un compromiso con nós mesmos. Moita xente paga un ximnasio e logo non vai, mentres que aquí estamos doando 5 euros a unha boa causa e ao mesmo tempo estámonos mandando unha mensaxe a nós mesmos para amortizar ese gasto en algo produtivo para nós. Entón, á parte de cubrir unha parte social importante, tamén estamos cubrindo unha parte individual e persoal. Podémolo facer de forma individual ou grupal, de forma que eses 5 euros e esas 500 flexións as repartamos en cen para cada membro da familia se somos cinco membros da familia na casa, por exemplo."
A oenegué beneficiaria do reto, o Banco de Alimentos de Lugo, está dando servizo nas últimas semanas a máis de medio cento de novas familias.