CRTVG

Buscar

Un tiroteo en California deixa nove mortos, incluíndo o atacante, e varios feridos

Publicado o 26/05/2021 18:07
Un tiroteo en California deixa nove mortos, incluíndo o atacante, e varios feridos
EFE

Nove persoas, incluíndo o autor dos disparos, faleceron este mércores nun tiroteo no centro de San Xosé (California), informou nunha conferencia de prensa o portavoz da oficina do shériff do condado de Santa Clara, Russell Davis. Davis tamén explicou que hai varios feridos, algúns deles en estado grave, e que a policía achou explosivos no lugar dos feitos.

O suceso produciuse no patio de manobras que a Autoridade do Transporte do Val de Santa Clara (VTA, polas súas siglas en inglés) ten no centro de San Xosé, onde almacena e leva a cabo as tarefas de mantemento dos vagóns de tren. O suposto autor era traballador da VTA, como o son tamén varias das vítimas, indicou o portavoz policial.

A Policía de San Xosé está a investigar un incendio declarado á mesma hora nunha zona residencial da cidade, na que segundo medios locais sería a vivenda do autor dos disparos. Na vivenda non había ninguén, pero si se atoparon grandes cantidades de cartuchos de munición e bidóns de gasolina.

Cunha poboación lixeiramente por encima do millón de habitantes, San Xosé é a terceira maior cidade de California, e atópase ao sur da baía de San Francisco, no corazón da zona con gran presenza de industria tecnolóxica coñecida como Silicon Valley.

A VTA anunciou que o seu servizo de trens lixeiros, que conecta San Xosé coas cidades veciñas, deixará de operar a partir do mediodía e durante o resto da xornada en homenaxe ás vítimas. 

Noticias web

26/05/2021