CRTVG

Buscar

Un taller de Oleiros dá vida a vehículos que transforman en enxeños case robóticos

Publicado o 22/01/2021 14:07

Esta é unha historia de talento. Porque diso hai que ter e moito para transformar os coches como o fan nun taller mecánico de Oleiros.

Camiña lento, pero segura. Unha araña mecánica foi a primeira creación que Roberto, coa axuda do seu socio Daniel, lograron ver rematada. 

"Esta é a máis complexa. É como robótica, todo en plan mecanismos. Hai enxeñeiros que non saben nin como cheguei aquí. Dinmo para afagarme", conta Roberto Atanes Botana, propietario do taller Nascar. 

"A máis complexa é esta araña. De traballo continuo poderían ser seis meses", di Daniel Gómez Sánchez.

Roberto di que cando se lle vén unha idea á cabeza non descansa ata que a converte en realidade.. E así, pouco a pouco, el e Daniel foron creando o seu particular parque temático.

"Está a araña, o dragón, un tiburón... Todas elas móvense, algunhas mesmo funcionan como bicicletas".

"Roberto ten a mente moi inqueda e gústalle facer artiluxios destes para o Entroido e para el mesmo porque gústalle ver plasmado o que ten na cabeza", explica Daniel.

Man a man, ambos os dous invisten nestes proxectos unha morea de horas sen perder a calma. 

"Moitas horas de traballo, pero sobre todo moita pacincia porque hai que darlle moitas voltas, proba, fallo, acerto...". "Empregamos pezas recicladas. Todo o que cae nas nosas mans, reutilizámolo. Funcionamos así. Non somos ricos...". "Moitos quedan abraiados, e ata eu mesmo quedou sorprendido porque non sei como podo chegar a facer isto... coa axuda do meu socio, claro!".

E se alguén se encapricha dalgunha destas pezas, Roberto di que todo ten un prezo.

Noticias web

22/01/2021