Un taller cede os seus xeradores de ozono para a desinfección dos vehículos policiais
O dono dun taller de despezamento de Lugo gardaba dende había tempo un xerador de ozono ao que agora lle está a dar uso de xeito altruísta. Ata aquí acoden coches da Garda Civil dos arredores da cidade para seren desinfectados nun proceso que dura uns dez minutos por vehículo.
"Eu tiña unha máquina que tiña gardada aí haberá un ano ou ano e medio, que se compraran varias xuntas e eu nin a usara. Hai como dúas ou tres semanas pediuse outra ao mesmo fabricante e veu, aínda que agora mesmo xa non hai onde compralas, e decidín poñela á disposición de quen queira, dos taxistas, dos transportistas... Quen queira, mentres dure isto, como temos moi pouco traballo, utilizámola", explica José Antonio Ramos, dono do taller.
Un dos seus xeradores de ozono foi cedido aos corpos de seguridade, que ata agora se estiveron a alternar para darlle uso. A metade da semana permanece no cuartel da Garda Civil e a outra metade, na Comisaría de Lugo, que vai recibir outro aparello máis por parte doutra empresa da cidade. Ademais, outra firma do barrio lugués da Piringalla colabora tamén na desinfección dos vehículos.
"Ao estarmos en constante movemento e en contacto cos cidadáns que reclaman os nosos servizos, as probabilidades de contaxio son moi altas. Grazas a esta empresa privada, que compartía a máquina a máquina de desinfección de ozono entre a Garda Civil e mais nós. Como eles teñen máis vehículos, téñena catro días á semana, e nós, tres. Hoxe déronnos unha gran noticia, pois outra empresa privada da cidade cedeunos en exclusiva unha máquina só para os nosos vehículos, e desta maneira está mellor servida a Garda Civil, cunha máquina só para eles, e nós teremos tamén unha máquina só para nós", relata Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo.
O novo aparello de que vai dispoñer a Policía Nacional permitirá, ademais, facilitar a desinfección das oficinas da comisaría de Lugo.