CRTVG

Buscar

O Deportivo acada a terceira vitoria consecutiva en Calahorra

Publicado o 11/09/2021 19:10

O Deportivo sumou esta tarde na Planilla a terceira vitoria consecutiva nun encontro moi serio de inicio e no que, malia o marcador final, foi de máis a menos.

Adiantáronse cedo os de Borja Jiménez, como xa sucedera a xornada anterior. No minuto sete do partido Quiles abría o marcador. Boa primeira metade dos coruñeses, solventes nas dúas áreas e cun Mackay moi seguro cando o equipo precisou del. A dez do descanso Miku poñía o segundo nunha acción en que tamén participa Quiles pero que culminou o venezolano. 

Os dous goles de vantaxe desconcentraron o Deportivo no arranque do segundo acto. A relaxación e as perdas de balón puxéronos nalgún que outro apuro. Pero o equipo rioxano non soubo sacarlle proveito. Ugarte mandouna ao longueiro a quince minutos do final. Tarsi desaproveitaba pouco despois un bo centro á area. 

Nese transo Borja Jiménez esgotaba os cambios e dáballe entrada ao campo a Aguirre, Granero e Noel. Con dez minutos por diante, Aguirre tivo unha ben clara tras montar unha contra con Granero. Pero faltoulle acerto para resolvela. Máis brillante estivo na última acción, no tempo engadido, para deixarlla a Noel no centro da área. O canteirán celebrou o 0-3 coa bancada.

Tres partidos, tres triunfos, nove goles a favor e ningún en contra. O Deportivo segue lanzado neste inicio de temporada. 

Noticias web

11/09/2021