Un sanitario fóra de servizo sálvalle a vida a un neno de tres anos en Ribadeo
Camilo Vázquez, un técnico do 061 cunha dilatada experiencia, salvoulle a vida a un neno de tan só tres anos mentres se encontraba fóra de servizo. Camiñaba polo centro de Ribadeo cando se topou cunha muller que o chamaba de forma desesperada. Tratábase dunha veciña que levaba en brazos o seu fillo inconsciente.
Camilo Vázquez, técnico de emerxencias sanitarias: "E dime que estaba co neno na casa, que empezou a poñerse ríxido e mais que parecía que non respiraba e que non lle contestaba. Entón o primeiro que fixen foi tombar o cativo no chan, comprobei a consciencia e vin que efectivamente estaba inconsciente, pois non respondía a ningún tipo de estímulo. Ao mesmo tempo, doume de conta de que presenta unha cianose a nivel labial e dos lóbos da orella, que son uns síntomas importantes de que hai un compromiso na vía aérea. O pequeno non estaba respirando con normalidade ou non respiraba".
Acto seguido, Camilo dispúxose a practicarlle ao cativo manobras de reanimación cardiopulmonar, e comprobou que comezaba a recuperar a cor. Daquela beliscouno e o meniño respondeu de forma positiva aos estímulos.
Camilo Vázquez, técnico de emerxencias sanitarias: "Procedín a collelo en brazos outra vez e seguín estimulándoo ao mesmo tempo que a nai seguía falando con Emerxencias Sanitarias. Daquela indiqueille que puxera o altofalante coa central para identificarme como persoal sanitario do 061 e pasáronme directamente co médico, ao que lle contei o que estaba apreciando e xa me indicou que estaban enviando asistencias, que viñan de camiño".
Dado que a única ambulancia medicalizada da comarca se encontraba en Foz, o neno foi conducido nun vehículo da Policía Local ata o PAC de Ribadeo. Ao pouco, foi trasladado ao hospital da Mariña, onde permaneceu en observación ata que recibiu a alta.