Un robot multicámara vixiará a Universidade de Vigo grazas á tecnoloxía 5G
Camiña a 4 patas, chámase Spot e non perde detalle de todo o que sucede ao seu redor. Forma parte dun proxecto piloto de uso da rede 5G que Telefónica está a desenvolver con outros colaboradores, entre eles a Universidade de Vigo, para o sector da vixilancia.
"É un robot cunha gran capacidade de mobilidade que leva instaladas cámaras de alta definición, cámaras infravermellas que nos permiten detectar determinados incidentes invisibles para o ollo humano", informa Germán Ibáñez, director de Innovación de Securitas.
Os datos que o robot vai proporcionar servirán para analizar e previr situacións de risco e facer o seguimento a distancia, co fin de protexer os vixilantes en situacións extremas. A conectividade en tempo real é posible grazas a unha rede 5G moi avanzada e complexa que hoxe se probou en Vigo por primeira vez.
"É a primeira vez en Europa que temos unha rede deste tipo despregada, funcionando en real e ademais nunha universidade coma é esta universidade de Vigo", Mercedes Fernández, xerente de Innovación de Telefónica.
A tecnoloxía que hoxe se probou está lista para funcionar. Agora queda esperar a que se desenvolva o marco lexislativo que permita a súa aplicación con garantías.