CRTVG

Buscar

O incendio na nave de Jealsa en Boiro arrasa 11.000 metros cadrados

Publicado o 09/05/2021 21:07

• Imaxes da fábrica de Jealsa ao outro día desde un dron

• As lapas non afectaron partes fundamentais, como a zona de produción

• Jealsa asegura que todos os seus centros seguen a pleno rendemento

 

A actividade tranquila desta mañá nas instalacións da conserveira Jealsa era a mellor mostra de que o incendio que onte arrasou 11.000 metros cadrados estaba practicamente extinguido e só requiría supervisión e refrixeración.

Os técnicos da Axencia Galega de Emerxencias facían voar un dron sobre a zona de conxelado, cocción e procesado que ardeu.

Asi o explicaba Xosé Antonio Argibay, técnico do Grupo de Apoio Loxísitico da AXEGA: "Imos comprobar como quedou a instalación e se queda algunha zona quente que non se poida observar cos ollos e si coas cámaras termográficas, que si poden darnos a información, e basicamente é para iso. Aí despois loxicamente para poder extraer información a maiores no estudo que se faga sobre as consecuencias do incendio".

Precisamente a investigación que se está a facer determinará como se produciu e propagou o lume, que en seis horas quedou controlado polos equipos de extinción e que deixou esta estampa onte á tarde sobre a ría de Arousa. Despois da alarma inicial polo risco do propio incendio e polos empregos que dependen desta factoría, hoxe a empresa confirmaba que todos os seus centros de produción no mundo seguen a pleno rendemento.

"A verdade é que é a industria máis importante que temos no municipio, da que dependen moitísimas familias. Nesta factoría hai 1.200 empregos directos e tamén indirectos. É normal que a xente estea intranquila. Hai que dar grazas a Deus de que non afectase a partes importantes da empresa, e iso é unha boa noticia", asegurou Xosé Ramón Romero, alcalde de Boiro.

A empresa destacou que seguirá cumprindo cos seus compromisos con clientes e consumidores.