CRTVG

Buscar

Jealsa traballa baixo mínimos mentres reorganiza a produción logo do incendio

Publicado o 10/05/2021 13:35

Un retén de bombeiros continúa na fábrica de Jealsa no Bodión, en Boiro, 48 horas despois de que se declarara o incendio que destruíu máis de dez mil metros cadrados e que obrigou a desaloxar temporalmente 25 vivendas. 

Francisco Manuel Sampedro, sarxento dos bombeiros de Boiro, explica que "estamos facendo tarefas de prevención, de vixilancia na fábrica, para evitar posibles conatos de incendio debido á cantidade de combustible que queda dentro. Teremos aínda para uns días".

Houbo risco de que o lume chegase aos depósitos de amoníaco da empresa. Tamén complicou a intervención a existencia de moito material combustible e amianto na estrutura das naves afectadas.

"Nunha empresa grande como Jealsa, onde traballa moita xente, a intervención é totalmente diferente aos incendios habituais que son máis pequenos", di o sarxento Sampedro.

O lume comezou na zona de frío, e afectou as de cocción e procesado. Non houbo que lamentar danos persoais. O traballo na conserveira, con 1.200 empregos directos, está hoxe baixo mínimos, mentres a empresa reorganiza a produción. A investigación para aclarar como se orixinou o incendio correspóndelle á Garda Civil.