CRTVG

Buscar

Un raio incendia un transformador en Baralla e deixa 200 veciños sen luz

Publicado o 02/06/2020 14:14

A caída dun raio causou un incendio neste transformador situado no centro de Baralla. Como resultado, tiveron que acudir varias brigadas da compañía eléctrica para extinguir as lapas.

"Cando ardeu isto caeron dous raios moi grandes. Parecía que tremía o edificio!".
"Estaba dentro traballando, sentín coma un estoupido, saín mirar e pensei que chocaran dous coches. Vin que non había nada, volvín para dentro e logo volvín sentir e xa vin que fumegaba a caseta. Saían chispas por abaixo e empezou a estoupar forte".
"Houbo unha tormenta forte e empezou a saír fume de aí e chispas cando se incendiou o transformador", relatan os veciños.

Como consecencia do incendio na subestación, uns 200 veciños de Baralla quedaron sen luz durante arredor de catro horas. Recuperaron o servizo cando os operarios da compañía eléctrica instalaron un xerador traído dende Carballedo.

"O grupo ese veu da Barrela porque non o había tan grande por aquí. Ao facer o cambio xa nos deron deron servizo".
"Quedamos sen luz, pero xa era cara á última hora. Despois nós marchamos para a aldea porque ao non haber luz aquí xa non podiamos preparar a cea nin nada".
"En toda esta zona o alumeamento público e mais o das casas estivo sen servizo".
"Quedamos sen luz ata que veu o xerador. E ben o fixeron, porque mentres que o trouxeron pasou bastante tempo".

O raio que provocou a avaría foi un dos 2.400 que contabilizou Meteogalicia por todo o país na mesma xornada.

Noticias web

02/06/2020