CRTVG

Buscar

Un radar de Santiago puxo 17.000 multas en tres meses

Publicado o 09/03/2021 14:58

Condutores de Santiago protestan pola localización dun radar que pon miles de multas. O Concello, de quen depende o aparello, di que a instalación do cinemómetro neste punto, á saída do túnel, responde a unha cuestión de seguridade viaria. 

Porén, moitos automobilistas composteláns din que ten afán recadatorio. Quéixanse de que o radar está situado nun punto moi escondido, e piden a recolocación do aparello.

Dende a corporación municipal din que o número de multas baixará sensiblemente cando todos os condutores que pasen por este punto estean xa concienciados da necesidade de respectar a norma, e pasen á velocidade que marcan os sinais.

O límite de velocidade á saída de Santiago en dirección ao Milladorio, no barrio de Conxo, é de 50 quilómetros por hora. O Concello puxo un radar para detectar os vehículos que superen ese límite, e algúns condutores protestan.

Din que o aparello non se ve, e que obxectivo é poñer moitas multas para recadar cartos. Outros cren que hai que cumprir as normas. 

O radar empezou a funcionar en xullo do ano pasado e nos tres primeiros meses sancionou 17.000 condutores, a maioría dos cales ían a máis de 70 quilómetros por hora. O Concello considera que nesa zona hai que circular máis amodo.

Noticias web

09/03/2021