CRTVG

Buscar

Un primeiro ensaio en humanos dunha vacina chinesa indica que é segura e xera anticorpos

Publicado o 22/05/2020 19:14
Un primeiro ensaio en humanos dunha vacina chinesa indica que é segura e xera anticorpos

Unha nova investigación indica que a primeira vacina contra a Covid-19 que chegou á fase 1 do ensaio clínico é segura, ben tolerada e capaz de xerar unha resposta inmunolóxica contra o virus nos humanos. No ensaio avaliouse a seguridade e a capacidade de xerar unha resposta inmunolóxica de diferentes doses da nova vacina en 108 adultos sans de entre 18 e 60 anos de idade que non estaban infectados pola Covid-19.

En calquera caso, necesítanse máis ensaios para saber se a resposta inmune que provoca protexe dun xeito eficaz contra a infección do SARS-CoV-2.

"Estes resultados representan un fito importante. O ensaio amosa que unha soa dose da nova vacina (...) produce anticorpos específicos contra o virus e células T en 14 días, o que a converte nunha candidata potencial para unha maior investigación", explica o responsable do traballo,  Wei  Chen, do Instituto de Biotecnoloxía de Pequín, na China.

Porén Wei Chen di que os resultados deben interpretarse "con cautela". "Aínda estamos moi lonxe de que esta vacina estea dispoñible para todos", matiza o científico.

Actualmente, hai máis de 100 vacinas candidatas para a COVID-19 en desenvolvemento en todo o mundo. Esta é a primeira que se proba en humanos. Utiliza un virus do arrefriado común debilitado para entregar material xenético que codifica a proteína de punta do SARS-CoV-2 ás células. 

Outras análises mostraron que 28 días despois de poñela, a maioría dos receptores tiveron unha resposta positiva das células T ou tiñan anticorpos detectables contra o virus. Con todo, os autores puntualizan que tanto a resposta dos anticorpos como a das células T podería verse reducida pola elevada inmunidade preexistente ao 'adenovirus' tipo 5.

Tamén se iniciou en Wuhan un ensaio aleatorio, dobre cego e controlado por placebo da fase 2 da vacina  para determinar se os resultados poden reproducirse, e se hai algún efecto adverso ata 6 meses despois de poñer a vacina. O ensaio practícase en 500 adultos sans. Por primeira vez, engádense participantes maiores de 60 anos.