CRTVG

Buscar

Un peregrino checo e outra alemá, os últimos do Monte do Gozo

Publicado o 05/05/2020 16:37

Fíxense na seguinte historia. Os protagonistas, un peregrino checo e outra alemá que se coñeceron no Camiño. Botáranse a camiñar para empezar unha nova vida, pero chegou o coronavirus. Agora, convertéronse nos útimos peregrinos do Monte do Gozo.

Son dous camiñantes esperando polo futuro. Son Benita e Peter.
"Son da República Checa. Son peregrino. E aquí estou, no Monte do Gozo".

Peter tiña unha granxa no seu país.

"Hai uns anos comezou a baixar o prexo do leite e non podía pagar os préstamos. Quedei sen traballo, sen casa. Perdín todo o que tiña".

Viuse na rúa co posto, con 1.500 euros e cos cans Arco e Flecha.

"Empecei a camiñar para non tolear".

E na catedral de Praga comezou a experiencia do Camiño de Santiago.

"E durmir fóra. Durmimos na neve en Suíza".

En Francia coñeceu a Benita, alemá de 20 anos, que despois dos estudos quería pensar na súa vida.

"Fixen o Camiño, e agora aquí estou agardando a que isto remate para empezar a camiñar outra vez", di Benita.

O estado de alarma detivera a súa peregrinación en Sarria.

"Alí parounos un policía e dixo que non podiamos andar máis".

Alí sobreviviron con axudas e mesmo buscando no lixo.

"Canta cousa se tira! E non estaba caducada!".

En Sarria pagáronlles un taxi ata o Monte do Gozo.

"Tivemos que estar dúas semana aí atrás, no monte, escondidos".

Finalmente conseguiron pedir axuda e agora agardan no albergue con cama, auga quente e comida que lles trae a Cruz Vermella.

E así responden cando se lles pregunta que ven no futuro.

"É difícil. Penso que camiñar ata algures", di Benita.

"Teremos que ir camiñando de granxa en granxa e buscar traballo".

Son os últimos peregrinos do Monte do Gozo.

"Camiñar fíxome moi ben".

Camiñantes esperando polo futuro que buscaban no Camiño.







 

Noticias web

05/05/2020