CRTVG

Buscar

Unha peixeira de Sada manda acotío a imaxe do produto e prezo á clientela

Publicado o 02/02/2021 14:23

Unha das primeiras tarefas que fai Tania na súa peixería do mercado de Sada tan pronteo ten organizado o mostrador, é gravar en vídeo o produto e prezos que oferta cada día. Forma parte da súa rutina de traballo nos últimos anos co obxectivo de enviarllo a toda a clientela que así o quere para ver o que hai a primeira hora sen ter que saír da casa ou do traballo.

Tania Rodríguez Silva, dona da pescadería O Cangrexo: "A xente na súa casa, no seu traballo ve o que teño. Nada máis. Chámanme logo ou por unha mensaxe privada sen ter que estar escoitando uns a outros nin nada. Funcióname bastante ben. Agora mesmo teño máis de duascentas persoas".

Mentres estamos aquí son varios os clientes que chaman para facerlle un pedido. Dinos que a gran maioría son clientes de Sada e arredores, pero o seu mostrador virtual chega máis lonxe.

Di Tania: "Para xente que non pode baixar ou que está en corentena agora mesmo, xente maior que non quere ou que non debe de saír... levámosllo á casa preparadiño, deixámosllo e xa está.
Xente que veranea en Sada e que está en Madrid e enviámosllo. Temos agora un cliente que quere un par de cousas e xa llas enviamos a Madrid. Preparamos o envío e vai para onde sexa, Madrid, Barcelona, Sevilla. Xente que ve o que hai, ve os prezos sen necesidade de estar aquí".

A lista de difusión para enviar o vídeo do produto vai medrando e ela amósase encantada co resultado: "Moitísimo, moitísimo, moitísimo. E o día que máis funciona creo que é na fin de semana. A xente non ten ganas de erguerse, ten nenos na casa e é moi típico que a primeira hora funcionen os telefonos seguido".

A pandemia e as limitacións de mobilidade que trouxo esta situación, fai que no último ano o seu método tivese un crecemento grande de usuarios.


 

Noticias web

02/02/2021