CRTVG

Buscar

Un Paseo pola Saúde, en Barbadás

Publicado o 18/06/2021 20:46


A localidade da Valenzá, en Barbadás, acolle un Paseo da Saúde. Trátase dunha feira que vai orientada á prevención sanitaria. Participan unha ducia de asociacións, relacionadas con distintas enfermidades, que lles dan aos participantes na feira indicacións, consellos, para levar unha vida saudable e tamén realizan probas aquí mesmo, na feira, por exemplo: miden a tensión e o azucre en sangue.


A tensión arterial é un indicador fundamental para múltiples patoloxías. Por exemplo, a enfermidade do ril.

Carmen Dorado, coordinadora de ALCER Ourense: "Unha enfermidade que chaman silenciosa, porque non doe e ao final, cando nos damos conta, o noso ril xa ten unha afectación que nos leva a diálise ou transplante".

Os propios pacientes, xente que xa pasou ou está pasando a enfermidade, responden as dúbidas dos asistentes e danlles consellos de prevención.

Ángeles Nóvoa Antúnez, ten problemas de ril: "Fíxense nos ingredientes e nas cousas, porque hai moitos que levan potasio, sodio... e iso é malo para o ril".

Na carpa de protección civil, a lección práctica é unha reanimación cardiopulmonar.

Daniel Rey, Coordinador de Protección Civil de Barbadás: "Se a xente que circula pola vía estivese formada en primeiros auxilios e soporte vital básico, salvaríanse moitas vidas".

Por aquí pasaron varios colexios ao longo do día. Non tanto para que aprendan a facer unha RCP, como para que entendan a súa utilidade: "Paréceme importante, porque isto pode pasar pola rúa, para axudar", di unha nena.

Prevención é saúde foi o lema desta feira na que, tamén por prevención, se respetaron as distancias e as medidas anticovid.

Noticias web

18/06/2021