CRTVG

Buscar

Un párroco centenario coa ollada posta no futuro

Publicado o 11/02/2021 17:39

O cura párroco de Ribadumia e Leiro acaba de cumprir cen anos, le o xornal todos os días e mesmo oficia misa. Dositeo Valiñas non pensa en xubilarse polo momento. Goza dunha excelente memoria e velo e escoitalo é toda unha lección.

Entra amodiño na súa igrexa, onde aínda locen os adornos do aniversario. Os seus fregueses organizáronlle unha festa sorpresa polo seu centenario. "Cen anos tardan, tardan en pasar, para min non, para min foron rápidos", asegura.

A el pasáronlle a fume de carozo, e iso que é un século de vida. Dositeo empezou a estudar no seminario no ano da República, en 1931. Chegou como párroco a Santa Baia de Ribadumia en 1944.

"Os adiantos eran escasos, as estradas, as comunicacións... a prensa líase pouco, uns cantos tiñamos o xornal, pero a maioría non", rememora. Igual que tampouco había radio en moitos fogares.

A televisión aínda tardou máis. Dositeo lembra cando viu a primeira, nos anos 60, nunha visita a León. "Pasando por unha rúa ao anoitecer chamaba a atención que había unha luz que saía da ventá, mirei para dentro e topeime cunha pantalla e pensei: home, esta é a televisión". Viviu varias revolucións tecnolóxicas e de todo tipo. E está preparado para as que veñan. 

O seu papa preferido é o actual, Francisco. "Acaba de dar unhas normas sobre a lectura na igrexa de mulleres, para situar a muller xa nunha situación que antes non tiña, non había. Chegaremos a que a muller sexa sacerdote? É posible", asegura.

A día de hoxe aínda oficia misa. Di que ten unha memoria feliz e a ollada posta no futuro.

Noticias web

11/02/2021