Un par de chaves para un KO: así aprenden defensa persoal as mulleres en Celanova
A clase de hoxe comeza dende o básico. "Dous, tres movementos, deixar o noso agresor no chan ou zafarnos dun agarre, xa sexa que nos agarran por detrás, ou tírannos do pelo, ou calquera situación, movernos, escapar e irnos", explica o monitor do curso.
"Pode haber un abuso, poden intentar roubarnos ou calquera cousa, e ter medo de ir sós pola noite, ou polo día a casa e ter esa seguridade de que ao mellor tendo uns pequenos coñecementos podemos afrontar calquera perigo e ir seguros", apunta Leandro Barandela.
Nas clases que se imparten neste claustro do mosteiro de Celanova participaron ducias de mulleres nas últimas semanas. A curiosidade polas artes marciais ou a procura dunha certa seguridade son algúns dos motivos que as traen ata aquí, pero non só. E, de feito, algunha mesmo repite a experiencia.
Hoxe dan un pequeno paso nunha disciplina na que poderán afondar nos vindeiros días, como xa fixeron outras mulleres de concellos como Verea ou Quintela de Leirado. A iniciativa vaise estender a outros municipios da comarca nas próximas semanas.