Un pai transforma o medo da súa filla en risas no medio da guerra en Siria
Estamos en Siria. Estamos nunha casa que se mantén en pé. Estamos esperando a que caian as bombas para estoupar de risa.
É o xogo desesperado que inventou un pai, Abdullah, cando un día esas bombas caeron demasiado preto da casa e a pequena Salwa, de catro anos, sufriu unha crise nerviosa.
Dende entón Abdullah proponlle á filla adiviñar se cada ruído é de avión ou de bomba. Aquí apostan por bomba. "Bomba?". "Bomba". E acertan. "Cando caia, rimos", murmura ela.
O pai convenceuna de que non son cousa de medo, senón de risa. E agora Salwa mesmo agarda con emoción cada explosión.
É unha maneira de blindar esa saúde mental da cativa ante esta guerra que matou 20.000 menores de idade, que deixa secuelas irreversibles a moitos dos que sobreviven.
A pequena Salwa, polo de agora, mantén a inocencia baixo o paraugas do xogo.