Un novo informe pericial apunta que o paseo afundido no Marisquiño soportaba unha sobrecarga
Un novo informe pericial sobre o accidente do Marisquiño en Vigo apunta que o paseo que cedeu soportaba unha placa de formigón que non estaba prevista. Segundo ese informe non estaba construído en condicións para manter o seu equilibrio nin para acoller un grupo importante de persoas bailando sobre a súa superficie.
Son datos dos enxeñeiros consultores contratados polo Porto de Vigo para aportar á investigación xudicial a súa opinión sobre as causas da derruba.
No documento tamén apuntan que a placa de formigón construída no ano 1992 supuxo unha gran sobercarga sobre o pantalán orixinal. Esa lousa que non estaba prevista no proxecto, supoñía unha carga extra de 365 quilos por metro cadrado.
Os peritos que elaboraron o informe comparecerán o 17 de decembro nos xulgados de Vigo, para explicar estes datos. Para eles e recrecido de formigón realizado no pantalán foi unhas das principais causas do accidente, que se saldou con 467 feridos.