CRTVG

Buscar

Un novo barco da pesqueira galega Iberconsa navega por augas arxentinas

Publicado o 16/06/2021 21:10

O novo barco da pesqueira galega Iberconsa, o API X, xa navega por augas arxentinas para a pesca de lagostino. No país austral, a tempada de pesca deste animal comezou a finais de maio e estenderase ata outubro. 

Con máis de 30 metros de eslora, o API X é o novo buque pesqueiro que empregará o grupo Iberconsa nas súas operacións no mar arxentino. Deste xeito, a compañía galega segue a ampliar a súa frota no país suramericano. Despois de tres semanas de travesía dende Galicia, o API X xa está na Arxentina para a pesca do lagostino.

O novo buque do grupo Iberconsa chegou ao estaleiro de Tandanor, un dos máis grandes de América Latina, e sumará esforzos nas augas da Patagonia co seu barco xemelgo, o API VIII.

Dotado coa última tecnoloxía e con capacidade de conxelación no seu interior, o API X pescará entre o paralelo 41 e o 47, cubrindo deste xeito 360 millas de altura. Coa incorporación do API X, Iberconsa avanza na renovación da súa frota arxentina e xa conta con medio centenar de buques nas súas operacións internacionais.

Noticias web

16/06/2021