CRTVG

Buscar

Un novo avión militar voa a Dubai para evacuar o persoal de Afganistán

Publicado o 19/08/2021 19:10
Un novo avión militar voa a Dubai para evacuar o persoal de Afganistán
EFE

Un novo avión militar A400 M partiu na tarde deste xoves da base aérea de Zaragoza rumbo a Dubai para participar na evacuación de españois e do persoal afgán que colaborou coa misión española en Afganistán, así como das súas familias, segundo confirmaron fontes de Defensa.

Con este aparello xa son catro os avións que participaron no dispositivo, despois de que a pasada madrugada aterrara na base aérea de Torrexón (Madrid) un primeiro avión con algo máis de medio centenar de evacuados, na súa maioría afgáns.

En Dubai xa están destacados outros dous avións A400 M, o avión de transporte máis moderno e pesado e con máis autonomía do Exército do Aire, un deles medicalizado. Mentres, España iniciou este xoves a acollida dos primeiros afgáns que chegaron nos primeiros avións, unha aeronave militar española e outra procedente de Roma, con cinco familias.

Os recentemente chegados atópanse, polo momento, na base aérea de Torrexón, onde se instalou un campamento con capacidade para 800 persoas, antes do traslado dos evacuados a outros países da Unión Europea. Polo momento, só unha ducia destas persoas pediu protección internacional en España. 

Noticias web

19/08/2021