CRTVG

Buscar

Un novo avión chega a España con 292 afgáns evacuados

Publicado o 25/08/2021 18:45
Un novo avión chega a España con 292 afgáns evacuados
EFE

Un total de 292 afgáns chegaron na tarde deste mércores á base aérea de Torrexón de Ardoz (Madrid) nun novo voo de evacuación, que se suman aos 39 pasaxeiros que recalaron nese mesmo aeródromo nun avión do Servizo Europeo de Acción Exterior procedente de París.

Desta chegada fíxose eco na súa conta de Twitter o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que escribiu: "Seguimos, sen descanso, para traer o maior número de afgáns posible". Foron a ministra de Defensa, Margarita Robles, e o xefe do Estado Maior da Defensa (XEMAD), o almirante  Teodoro López Calderón, quen recibiron o avión.

Todas esas persoas saíron esta madrugada de Cabul e chegaron a Dubai en dous A400 M do Exército do Aire. Posteriormente, foron trasladados ata un avión de Air Europa rumbo á Base Aérea de Torrexón de Ardoz (Madrid), onde aterraron sobre as 18:00 horas, segundo informa o Ministerio de Defensa.

Un total de 470 afgáns evacuados por España están xa en centros de acollida do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións en doce comunidades autónomas. Sen contar as persoas que chegaron este mércores, nas instalacións provisionais de tránsito da base aérea de Torrexón foron atendidas 1.254 persoas, das que 562 son mulleres e 692 homes.

Ademais, dese total 519 son menores e 735 adultos. Tamén sen contar estes últimos voos, un total de 1.040 evacuados por España solicitaron protección internacional ou asilo, segundo datos do Ministerio do Interior.

Noticias web

25/08/2021