Unha sala de pictogramas, a ferramenta para axudar a aprender a nenos con necesidades especiais
Os alumnos con necesidades especiais do colexio Anexa de Lugo contan este curso cunha nova ferramenta que lles facilita a súa aprendizaxe. Trátase do Pictogram Room, un programa con máis de 80 actividades que lles axuda aos nenos a desenvolver capacidades como a orientación espacial, a motricidade ou a lateralidade. É o caso dun xogo de bloques móbiles que os pequenos deben esquivar a tempo.
María Pérez, mestra de audición e linguaxe do CEIP Anexa: "Os nenos teñen que tratar de resolver uns bloques que lles aparecen por distintos lados da pantalla, agacharse, ir cara á dereita ou cara á esquerda, e ao mesmo tempo estamos traballando o campo da lateralidade".
Visto o éxito deste innovador programa, os responsables deste colexio lugués vanlle dar continuidade nos cursos vindeiros. Aseguran que, grazas ao seu gran valor didáctico, a sala dos pictogramas axuda os alumnos a mellorar a aprendizaxe nas diferentes materias.
Lucía Morandeira, mestra de pedagoxía terapéutica do CEIP Anexa: "Permítenos traballar máis contidos a nivel académico, coma na área da lectoescritura ou das matemáticas. Todos esas competencias clave vannos axudar moito a conseguir os obxectivos en que están a traballar os nosos compañeiros e compañeiras".
De xeito paralelo, no mesmo colexio tamén están a fabricar, cunha impresora en 3D, uns dados non tóxicos e biodegradables que axudan a recoñecer as emocións.