CRTVG

Buscar

O neno de 10 anos evacuado no accidente de transbordador de Eivisa está estable na UCI

Publicado o 29/08/2021 22:43

Emerxencias das Baleares evacuaron un neno de 10 anos ao hospital Son Espasses de Mallorca en estado grave despois de que un transbordador que une Eivisa e Fomentera chocara na noite do sábado contra un illote.

O accidente sucedeu contras as 10 da noite, cando a embarcación da navieira alemá FRS que realiza a ruta entre as illas Pitiusas embarrancou contra o illote de Es Malvins, con 48 persoas a bordo, entre a pasaxe e a tripulación.

Un equipo asistencial trasladouse ata o buque accidentado nunha embarcación de Salvamento Marítimo, mentres que outros profesionais de emerxencias permaneceron no porto de Eivisa á espera dos pasaxeiros.

Desde o transbordador evacuaron en helicóptero ata o hospital de Eivisa dous feridos graves e outros sete menos graves. O resto chegaron a porto na embarcación de Salvamento Marítimo. Dez deles leváronos con feridas leves ao hospital e outros seis, a unha clínica da illa. Ante as lesións sufridas decidiuse trasladar o menor ata Mallorca, ao hospital de referencia das illas. Alí ingresou na UCI pediátrica, onde se mantén estable.

Salvamento Marítimo informou de que na nave accidentada permanecen cinco membros esenciais da tripulación, como o capitán. Agora avaliaranse as avarías, se hai verteduras e a empresa presentará un plan de reflotamento.

Ata o porto de Eivisa mobilizáronse dúas ambulancias de soporte vital avanzado, dúas de soporte vital básico, unha ambulancia colectiva, Salvamento Marítimo, Cruz Vermella, axentes da Policía Portuaria e un grupo especial de operacións.


 

Noticias web

29/08/2021