CRTVG

Buscar

Un mozo migrante morreu en Ceuta e fracasan os intentos de entrada a través de Melilla

Publicado o 22/05/2021 21:09

Uns regresan a Marrocos desde Ceuta e outros pretenden entrar en Melilla. Mentres, producíase un novo dato lutuoso: un mozo marroquí perdeu a vida de madrugada ao caer dun muro de dez metros de altura no porto da cidade ceutí.

Foi en Melilla nesta ocasión onde unhas 600 persoas tentaron entrar de maneira irregular pola noite a través de tres puntos do perímetro valado, pero non o lograron. Horas despois chegaba á cidade melillense o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, acompañado polos directores xerais da Garda Civil e da Policía Nacional para analizar a situación. Desde hoxe, 40 axentes da Benemérita e 50 policías reforzan o control no valo fronteirizo.

E neste contexto, a ministra de Exteriores pedía un pacto migratorio na Unión Europea: "Criminalizar a migración non hai que criminalizala, hai que ordenala, hai que organizala, hai que sacala das mans das actividades criminais e para iso temos que traballar por un gran pacto en Europa", dixo Arancha González Laya. Pouco antes, o ministro de Interior francés sinalaba que España e Italia "controlan mal" a inmigración.

Regresamos a Ceuta. Alí, a Delegación do Goberno cifraba hoxe nunhas 7.000 persoas procedentes de Marrocos as que foron expulsadas ou regresaron xa a este país despois das entradas masivas desta semana Ademais, uns 250 menores foron trasladados a un polideportivo cuberto desde unha nave industrial do Tarajal.

Noticias web

22/05/2021