CRTVG

Buscar

Un mozo galego autoconfínase en Madrid para regresar á casa libre de covid no Nadal

Publicado o 15/12/2020 14:53

Hoxe falamos cun estudante galego na Universidade Autónoma de Madrid e co seu compañeiro de cuarto, que é vasco. Ambos están cumprindo un autoconfinamento voluntario para poder regresar á casa polo Nadal.

Os dous rapaces temen levarlles o virus aos seus familiares e amigos, pero no ven xusto que se poña o foco nos máis novos para xustificar a rápida propagación do virus.

José Basanta, de 19 anos, é natural da localidade luguesa de Muimenta. Reside nun colexio maior de Madrid, cidade onde cursa segundo de Dereito e ADE e xa pasou a covid en outubro.

Deu positivo nunha visita á casa e non quere volver pasar unha corentena este Nadal, polo que decidiu autoconfinarse para evitar un novo contaxio.

"Aínda que xa o pasei, tampouco quero arriscarme a volver ter un problema e quedar sen Nadal. Enriba non poder ver os meus amigos de alí, que hai moitos días que non os vexo, nin poder estar cos meus avós nin celebrar as comidas", comenta.

O seu compañeiro de cuarto, o donostiarra Íñigo, tamén de 19 anos, iniciou o autoconfinamento días antes, pero comparte as mesmas preocupacións.

"Vou ver os meus avós, a miña familia e prefiro non xogar e confinarme aquí e estar seguro que vou sen covid".

Os dous rapaces coinciden tamén en que é inxusto sinalar os máis novos como principais propagadores do virus.

"Todo o mundo cando ve que hai unha situación de risco, que podes contaxiar os teus avós ou a xente vulnerable, tómao moi en serio e tampouco é xusto poñer o foco en nós".

Se o autoconfinamento ten éxito, José e Íñigo poderán gozar dun Nadal sen covid nas súas casas.

Noticias web

15/12/2020