Un mozo de Vigo continúa confinado en Mallorca no hotel Palma-Bellver
En Vigo están pendentes do regreso de Adrián Villaraviz, que leva once días confinado no hotel-hospital Palma-Bellver tras dar positivo na proba de antíxenos. Polo momento non pode volver porque a PCR deu positiva, aínda que sen carga viral.
"Complicouse a situación, pero hoxe estiven chamando a aeroportos e tamén a aseguradora, e estamos intentando conseguir o voo para volver a Galicia", asegura a través dunha conexión virtual.
É o único dos dezaoito amigos do instituto Politécnico de Vigo que aínda continúa en Mallorca. Unha viaxe planeada entre o 12 e o 17 de xuño que se complicou polo gromo orixinado nun macrobotellón.
"Durante o día, coa axencia estaba bastante controlado, pero si que pola noite se desmandaba a cousa, porque a xente marchaba ao monte de festa e así...", relata.
Todos coinciden en que ese días en Mallorca se deron as condicións perfectas para gromos masivos, con festas multitudinarias sen máscaras e pouco control policial.
En relación co gromo de Mallorca, na área sanitaria de Pontevedra hai 80 casos e na de Vigo, 9, incluídos contaxios secundarios entre familiares e contactos directos do estudantado que viaxou ás illas.