CRTVG

Buscar

Un mozo de Nigrán pide xustiza pola malleira "que o matou en vida" hai un ano

Publicado o 12/08/2021 09:59

O próximo luns fará un ano da brutal malleira que Nacho Martíns recibiu ás portas da zona de pazos de Nigrán por parte de seis mozos. Os médicos dixéronlle que faltou unha patada para matalo.
O mozo tiña bloqueado ese recordo ata que viu as imaxes da malleira de Samuel: puido ser el, pensou. Agora a súa familia pide xustiza; el, sen forza para facer declaracións, ten graves secuelas e non é quen de saír da casa.

A nai de Nacho aclara que son dous casos que non teñen nada que ver. "Todo foi tras defender un amigo, tentou fuxir, pero collérono no monte e déronlle unha brutal malleira", explica. "Nacho estaba pechado no seu cuarto, pero a raíz do caso Samuel animouse a denunciar que tamén recibiu unha brutal malleira, que el estaba vivo e quería contalo", sinala. 

Nacho sufriu unha agresión grupal cando saía dun local de lecer nocturno de Nigrán, defendía un amigo que chocara casualmente cun rapaz e un grupo de 6 mozos moi agresivos do Val Miñor comezaron a bater nel, aínda que tentou fuxir a unha zona de monte. Os seus amigos atopárono polo son do móbil moi grave, e os médicos temeron pola súa vida. Tivo que ser operado cirurxicamente e aínda ten secuelas físicas e psicolóxicas.

Patricia, irmá de Nacho, explica que, ademais das secuelas físicas (perdeu sensibilidade), ten importante secuelas psicolóxicas: "Non pode saír da casa nin para comprar o pan, ten terrores nocturnos, ansiedade... Como escoite pasos, queda paralizado", di.

Dous dos seus agresores foron inicialmente detidos, aínda que están en liberdade á espera de xuízo. A súa actitude coa familia de Nacho e con el é ameazante. 

A súa familia quere xustiza e que sexa rápida, xa non só para resarcir a Nacho, senón para evitar que este grupo violento siga atemorizando outros mozos no Val Miñor.

 

 

Noticias web

12/08/2021