CRTVG

Buscar

Un mozo de Baiona emprende unha campaña de recadación de fondos para mercar unha prótese

Publicado o 06/07/2021 13:57

Hai tan só un mes que a vida deu un xiro para Álvaro Santalla aos seus 21 anos. O 5 de xuño tivo un accidente de moto en Portugal. Saíu da estrada e bateu cunha árbore. Todo o impacto o recibiu a súa perna esquerda. Varias fracturas seccionáronlle arterias e veas. Tras varias intervencións para intentar salvala, tiveron que amputarlla.

Pero lonxe de abaterse, cando Alvaro espertou do coma só sentíu agradecemento para todo o equipo do hospital do Porto que o atendeu.

E con ese espíritu de superación, Álvaro afronta o futuro. Está facendo rehabilitación e dentro duns meses poderá poñer unha prótese. Pero precisa unha que lle garanta unha boa calidade de vida, porque as que financia a sanidade pública son moi básicas. Por iso emprendeu unha campaña de recadación de fondos que lle permita custear a primeira e as sucesivas sen ter que hipotecarse. 

Álvaro está abraiado coa boa acollida e a resposta masiva á campaña. En día e medio xa leva recadados corenta e cinco mil euros. Por iso só ten palabras de agradecemento.

 

Noticias web

06/07/2021