CRTVG

Buscar

Un motorista ferido en Vigo ao bater contra un kamikaze

Publicado o 25/01/2020 21:38

Un coche que circulaba en sentido contrario pola AP-9, á altura da saída ao aeroporto de Peinador, bateu frontalmente cunha moto e deixou ferido o motorista cuxo prognóstico é reservado. O kamikace, de 53 anos, declarou que sufrira un mareo antes de comezar a circular en sentido contario. Nin el nin a súa copiloto resultaron feridos. 

O kamikace circulaba pola avenida Tranvía, a estrada que vén do aeroporto de Peinador. Atravesou as liñas brancas da mediana, porque se sentiu indisposto e mareado, segundo nos contou o propio condutor fóra da cámara e circulou uns 300 metros neste carril en sentido contrario. Pola súa parte, a moto acababa de tomar a saída 157 da AP-9 en dirección ao aeroporto vigués. Nada máis dar a curva bateu de fronte co coche.

O motorista, un home de Vigo de 25 anos, foi inmobilizado, tiña unha perna rota, e trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro. O seu prognóstico é reservado. O condutor que circulou en sentido contario, un home de Arcade de 53 anos, deu negativo nas probas de alcol e drogas. A investigación, bastante perfilada xa, determinará as causas do accidente e que delito se lle imputa ao condutor kamikace.

Noticias web

25/01/2020