Un morto e un ferido en Portomarín no accidente dun camión que levaba explosivos
Un camión cargado con explosivos saíu da vía e caeu dunha ponte en Portomarín. Como consecuencia, morreu o copiloto, de 42 anos natural de Pantón e residente en Lugo. Ademais, o condutor resultou ferido de gravidade, polo que tivo que ser trasladado ao hospital Lucus Augusti de Lugo. Trátase dun veciño da Coruña de 41 anos. O sinistro tivo lugar no viaduto que cruza o río da Barrela, que ten uns 15 metros de altura.
"Sobre as nove da mañá un camión saíu da vía pola beira dereita e precipitouse ao baleiro no inicio dunha ponte, cunha caída de aproximadamente un quince metros. O sinistro tivo lugar no quilómetro 74 da estrada LU-633, no concello de Portomarín. Como consecuencia do accidente, desgraciadamente temos que lamentar o falecemento dun dos ocupantes, mentres que o outro foi evacuado ao HULA, onde está sendo atendido por persoal médico", relataba José Manuel López Santiso, tenente da Garda Civil.
Dado o carácter extremadamente perigoso da carga do camión accidentado, que transportaba cartuchos de goma-2 para unha canteira, a Garda Civil acordoou a zona. Un quilómetro da estrada que une Portomarín e Palas, onde se produciu o sinistro, quedou cortado á circulación, polo que houbo que desviar o tráfico por vías secundarias.
"Toda vez que o camión transportaba explosivos, procedeuse a acordoar unha zona de seguridade e impediuse a circulación tanto de vehículos como de persoas pola perigosidade que pode representar o material explosivo. Estase a xestionar o transbordo da carga, que quedou esparexida no lugar do sinistro, e o rescate do camión. Posteriormente, procederase á apertura da vía", di o tenente.
Ata o lugar tamén acudiron os bombeiros e efectivos do GES de Monterroso. Pola súa parte, os Tédax comprobaron que a carga non resultou afectada polo accidente e xa comezou a ser retirada.
"Pasei case no momento do accidente. Había catro ou cinco coches parados e tiñan o ferido sentado no medio da estrada todo sangrado pola cara e parei e pregunteilles se necesitaban algunha cousa. Imaxinei que estaba un vehículo abaixo porque vin a varanda tirada e unha árbore rota", sinala unha testemuña do suceso.
O camión ía cargado de exposivos, cartuchos de goma-2 e outro material destinado ás obras da A-54. A carga non resultou afectada pero estableceuse un amplo perímetro de seguridade e cortouse o tráfico.
Pouco a pouco, e coa axuda dun guindastre os explosivos foron retirados por persoal especializado da empresa de transporte baixo a supervisión da Garda civil.