Un morto e tres positivos por coronavirus nunha pensión de Alxeciras
Simón asegura que hai brotes constantes e controlados, pero pide non rebaixar as medidas de prevención
As alarmas saltaron polo falecemento no hospital dun home de 78 anos con coronavirus. Residía nesta pensión de Alxeciras, onde permanecen confinadas dez persoas baixo vixilancia policial. Tres deron positivo, dous varóns novos e unha muller de 70 anos. Preocupación tamén en Fuerteventura tras confirmarse o positivo de 14 dos 40 inmigrantes que chegaran de xeito irregular á illa nunha embarcación.
Sanidade di que son brotes limitados e controlables. Que non hai que preocuparse mentres non haxa transmisión comunitaria, pero tampouco baixar a garda.
"Non é que haxa que ter medo, pero si respecto. Temos unha experiencia recente moi dramática. Temos que ter coidado con rebaixar máis da conta as medidas de prevencion", asegura Fernando Simón.
As autoridades sanitarias reiteran que o risco segue aí, pero que agora estamos mellor preparados para un rebrote.
"No caso de haber unha segunda onda sería máis benigna, pero toda precaución é pouca e que a protección ten que ser máxima porque viría nunha época en que coincidiría coa gripe", apuntaba o ministro de Sanidade
A pandemia, asegurou Illa na comision de reconstrución do Congreso, evidenciou a necesidade de reforzar o sistema sanitario. Comprometeuse a recuperar de xeito progresivo os investimentos en Sanidade ata acadar o 7% do PIB, os niveis que tiña antes da crise de 2008.