Investigan se o accidente aéreo de Moscova se debeu a un raio ou a un fallo eléctrico
As autoridades rusas investigan as causas do accidente aéreo no aeroporto internacional de Moscova en que morreron 41 pasaxeiros. Xa apareceron as caixas negras que determinarán se o sinistro se debeu ao impacto dun raio ou a un fallo eléctrico. Algún pasaxeiro gravou desde o interior o momento en que os motores comezaron a arder.
A imaxe do avión aterrando de emerxencia coa cola en chamas no aeroporto de Sheremétivo deu a volta ao mundo. Os vídeos gravados tanto desde dentro da nave coma desde fóra dan fe do pánico que se viviu.
O aparello, un Superjet-100, facía o traxecto Moscova-Murmansk e aos 45 minutos de despexar a tripulación avisaba de problemas e solicitaba unha aterraxe de emerxencia. Non o logrou ata o segundo intento e xa sen comunicación coa torre de control. Non se sabe se o incendio se declarou ao tocar o chan ou xa en pleno voo.
Inda que trascendeu que a tripulación avisara de que impactara un raio no avión, como relataron algúns pasaxeiros a diarios rusos, a aeroliña non informa, de momento, sobre qué causou o accidente. Só alega razóns técnicas. Con todo, segundo a Organización Internacional de Aviación Civil, inda que os avións poden atraer raios, especialmente ao engalar, é raro que afecten a seguridade do voo, e menos nun avión tan moderno coma este. Non se desbota a hipótese de que o accidente se debera a un fallo no sistema eléctrico da nave.