Unha falecida e dous feridos graves nun choque frontal na AP-9
Unha muller de 76 anos, veciña de Gondomar, morreu e outras dúas persoas quedaron feridas de gravidade nun choque frontal entre dous vehículos ocorrido na AP-9, preto do aeroporto de Peinador.
Un dos coches, segundo fontes da Garda Civil, accedeu á autoestrada en sentido contrario, no punto quilométrico 159, en sentido Tui.
A falecida ía ao volante dun deles, e segundo parece foi a que se incorporou a AP-9 en dirección contraria. No outro viaxaban dous homes, que quedaron atrapados e tiveron que ser liberados polos bombeiros. Atópanse en estado grave. Foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro.
O accidente tivo lugar ás 10:04 horas da mañá. Ao momento, desprazáronse os bombeiros de Vigo, a Garda Civil, Protección Civil e persoal sanitario. Os servizos de emerxencia cortaron un dos carrís da autoestrada e formáronse retencións entre o alto de Puxeiros e a zona de Becerreira.