Un matrimonio de xubilados galegos, detido con 450 quilos de haxix nunha autocaravana
Deste xeito ocultaban os máis de 450 quilos de haxix na autocaravana, nuns agochos na parte traseira e nos baixos do vehículo.
O matrimonio de xubilados detido non tiña antecedentes. Foi interceptado esta semana na autovía A-8, ao seu paso polo municipio asturiano de Colunga.
Axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado de Pontevedra e do grupo de estupefacientes de Oviedo levaron a cabo o operativo no marco da operación Bodorrio. Deste xeito dáse por desartellada unha organización que se dedicaba ao transporte e distribución de droga polo norte de España, tras máis dun ano de investigación.
Os dous detidos, de Vilanova e Vilagarcía de Arousa, realizaran supostamente varias destas viaxes fixindo ser turistas, ían desde a comarca do Salnés a Asturias, Cantabria e País Vasco.
A organización contaba con varios vehículos coma este habilitados para o transporte de narcóticos.
A droga procedía de Alxeciras e traíana ata Galicia en ruta por estrada por Portugal.
A Fiscalía do Principado de Asturias pediu este sábado ao Xulgado de Instrución número 3 de Oviedo o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, da parella de xubilados.