Un matrimonio de Aguiño repara a figura dun santo que aparecera no lixo
Hai pouco máis dun ano, o Sagrado Corazón que agora loce nun dos altares da igrexa de Aguiño estaba lonxe de ocupar o lugar que no que se atopa hoxe. No outono de 2018, o sacerdote desta parroquia recollérao das mans dunha muller que o atopara nun contedor do lixo. Pouco despois, unha veciña do lugar descubriu na sancristía aquela peza, que sufrira un importante deterioro. Tras falalo coa súa parella e conseguir o permiso do párroco, decidiron reparala.
Debido ás características da figura, que mide máis dun metro de alto e ten o interior oco, o proceso de reparación foi duradeiro e custoso. Durante dous meses, esta talla do Sagrado Corazón formou parte da familia de José Samuel e Montserrat.
Pero o tempo e o traballo deron os seus froitos. Tras as reparacións, a peza foi trasladada á igrexa da localidade e o pasado verán xa formou parte da procesión da Virxe do Carme. Para os seus reparadores, ademais dunha satisfacción, atopar esta figura supuxo aprender unha lección que extrapolan ao seu día a día.
E confiar, confían en continuar coa posta en valor deste descubrimento. Por segundo mes consecutivo, este marzo celebrarase unha misa na súa honra. Acto que agardan que se siga realizando mensualmente no futuro.