Un mariscador enfróntase a 9 anos de cárcere por deixar sen un ollo a secretaria da Confraría da Pobra
Na sección da Audiencia Provincial con sede en Santiago quedou visto para sentenza o xuízo contra un mariscador que era socio da Confraría da Pobra do Caramiñal cando sucederon os feitos, en xuño de 2016.
As testemuñas aseguran que se presentou na oficina da confraría en actitude moi agresiva.
Recibira a notificación dunha multa e encarouse co vixilante, ao que lle dixo que como tivese que pagala lle ía saír a el do lombo.
Na oficina estaban a secretaria e o biólogo que, nun primeiro momento, o apartou para tranquilizalo. Pero o agresor volveu á carga.
O fiscal e o avogado que representa a vítima e a confraría manteñen que uns dos puñetazos que lle lanzou ao vixilante impactou na cara da secretaria. Como consecuencia, perdeu o ollo dereito.
Por esa lesión moi grave piden que o condenen a nove anos de cárcere e a unha multa por dúas lesións leves ao biólogo e ao vixilante. E ademais que indemnice a secretraria con máis de 120.000 euros e a confraría con 22.000.
O procesado negou ser o autor das lesións e alegou que as testemuñas tiñan contra el inimizade.