Un mariñeiro de Porto do Son divulga nas redes sociais o coidado do mar
Polo menos 12.000 persoas seguen nas redes sociais a Rogelio Santos, un mariñeiro do Porto do Son que divulga vídeos onde se ve como devolve peixe pequeno ou marisco en veda ao mar. Está tendo tanto éxito que mesmo algúns profesores usan as súas imaxes para ensinar a coidar do mar.
Un lumbrigante grande volve ao mar porque está en veda, centolas ou santiaguiños porque teñen ovas e as raias porque non dan o tamaño. Son algúns dos vídeos que grava Rogelio Santos Queiruga para concienciar da importancia de coidar o mar. Segundo di, os mariñeiros galegos cumpren as normas, e moitos coma el devolven á auga o que non se pode pescar.
"Xestos como o de tirar unha centola ao mar e que sexa verdade, non un paripé, creo que é do máis inspirador e motivador que pode haber". "Cada ano póñense enriba das lonxas galegas arredor de 160.000 toneladas de peixe, que vai todo pagando impostos e que cumpre todas as normas con respecto a vedas, tamaños, etcétera", di Rogelio Santos.
Hai oito meses que divulga os videos e ten entre doce e trece mil seguidores en Facebook e Twitter. Os nenos, segundo di, son os que máis visitan as gravacións, que non son sempre doadas de facer.
"Gravar unha centola no mar co movemento, co vento, cunha man gravando e coa outra aguantando a centola antes de botala ao mar, é complicado, pero paga a pena.
Hai moitos profesores que están utilizando como recurso nos institutos para dar clase os vídeos que facemos na Milena, na nosa lancha", engade.
Rogelio amosa tamén o valor e a diversidade que ten o mar galego, onde se poden ver desde as multitudinarias migracións de pateiros que van a mar aberto e se alimentar e volven ás praias a criar, ata as especies máis istosas e estrañas.
Medrou entre redes e peixe, e a súa lancha, a Milena, leva o nome do primeiro barco que tivo seu pai, que morreu nun accidente no mar.