CRTVG

Buscar

Un macrogromo en Mallorca deixa positivos en seis comunidades autónomas

Publicado o 24/06/2021 22:00

As viaxes de fin de curso causaron un macrogromo de coronavirus que afecta xa a un milleiro de estudantes de distintas comunidades autónomas. Non hai ningún caso confirmado en Galicia, pero estase investigando se ten relación co gromo de Pontevedra.

Viaxaron a Mallorca entre o 12 e o 20 deste mes para celebrar a fin de curso, e algúns deles volveron infectados co coronavirus. Son todos estudantes de segundo de bacharelato de distintas comunidades autónomas: Madrid, País Vasco, Aragón, Murcia, Cantabria e a Comunidade Valenciana. 

En Madrid hai 245 contaxiados e case cincocentos estudantes en corentena. No País Vasco, en Guipúscoa xa detectaron 49 positivos. Unha das hipóteses que se manexa é que os contaxios se producisen nas zonas de ocio ou no transbordador que trasladou moitos dos estudantes.

Recomendacións do Relatorio de Alertas

Dada a magnitude do gromo, o Relatorio de Alertas reuniuse este xoves e acordou as seguintes recomendacións:

-Todas as persoas que participaron ou están a participar nas viaxes de fin de curso a Mallorca  considéranse contactos estreitos e por tanto deberán someterse a unha proba diagnóstica de infección activa ao chegar ao lugar de residencia e facer corentena no domicilio durante dez días. Se a proba dá negativo, é conveniente facer outra en 24/48 horas.

-Considerarase a realización de cribados entre as persoas relacionadas con estas viaxes de fin de curso que neste momento permanecen en Mallorca.

-Para os grupos de estudantes que teñen programada unha viaxe deste tipo, aconséllase que non a fagan porque o risco de transmisión na mesma contorna onde se están producindo os casos é alto.

Noticias web

24/06/2021