Un 'macrobotellón' en Madrid congrega 25.000 persoas e outro en Barcelona, 8.000
Comezou o curso universitario, que este ano é presencial, e canda el volveron os estudantes. Esta segunda fin de semana académica converteuse nalgúns campus en macrobotellóns organizados a través das redes sociais.
Na noite do venres na cidade universitaria da capital xuntáronse 25.000 persoas, imposibles de disolver para as forzas de seguridade, que só poden controlar que non se produzan disturbios. A fin de semana pasada a policía multou 784 persoas por consumo de alcol na vía pública e os botellóns non chegaran aínda a este nivel.
A escena repetiuse simultaneamente en cidades como Valencia ou Barcelona. Alí no campus da Autónoma unha convocatoria por mensaxería anunciaba festa con música en directo. Acudiron 8.000 mozos e, aínda que se impediu a celebración de tal festa, os asistentes repartíronse tamén en distintos botellóns.
"Un macrobotellón desta maneira é a primeira vez que pasa, dun xeito descontrolado. Nós agora estamos en fase de análise, de ver todo. A semana que vén falaremos coas autoridades, que son as responsables da orde pública. Eu non teño autoridade sobre a orde pública e iremos da man e poremos as medidas que fagan falla para corrixilo", asegura Javier Lafuente, reitor da Universidade Autónoma de Barcelona.
En Galicia, a primeira noite sen restricións na rúa deixou imaxes de grupos ás portas dos locais de ocio pero non concentracións masivas. Ademais, a primeira hora eran frecuentes as máscaras, aínda que moitas delas foron cedendo co paso da noite.