CRTVG

Buscar

Un raio provoca un incendio forestal en Salvaterra que leva calcinadas 200 hectáreas

Publicado o 13/06/2021 14:09

• Permanece activo e tamén afecta á localidade veciña de Mondariz

• De madrugada activouse a Situación 2 pola cercanía a Maceiras

Os últimos datos de estimación de superficie afectada, a primeira hora da tarde, falan de 200 hectáreas as que leva calcinadas un incendio que se iniciou ás dez menos dez da noite e propagouse de madrugada no concello de Salvaterra de Miño, na parroquia de Uma. O lume achegouse ao núcleo de Maceiras, momento no que foi decretada a Situación 2, xa desactivada coas primeiras luces deste domingo.

Todo parece indicar que a causa que provocou o incendio foi un dos raios rexistrados nunha forte tormenta xerada ao sur da comunidade galega. A propagación foi continua e constante, e tamén afecta á localidade veciña de Mondariz, pasando dunhas 20 hectáreas ao caer da noite, ata unhas 75 ha. que se calculaban ás tres da madrugada, moi peto dos núcleos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos.

A medida preventiva suspendeuse ás 7h26 deste domingo. As últimas estimacións do 085 cifran en 180 hectáreas a superficie provisional afectada no que ata o momento é o maior incendio forestal deste ano en Galicia. 

A primeira hora do domingo participaban na súa extinción 8 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas e 2 pas.

Segue activo un incendio no Folgoso do Courel

Tamén continúa activo, desde a madrugada do sábado, un incendio que afecta unha superficie de 105 hectáreas. Á zona desprazáronse 1 técnico, 10 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 7 avións e 2 helicópteros