CRTVG

Buscar

Un ladrón fuxe cunha segadora a plena luz do día en Pontevedra

Publicado o 08/07/2019 13:55

Foi un veciño o que alertou o persoal deste negocio de maquinaria agrícola de Pontevedra de que foran vítimas dun roubo. Estrañoulle ver un individuo ás carreiras, empuxando unha máquina segadora noviña do trinque.

O encargado revisou a gravación das cámaras de seguridade e viu o ladrón en plena faena. Contra as cinco da tarde entrou na tenda. Non se debeu sentir seguro. Volveu contra as cinco e media e, así, con esta tranquilidade, en pouco máis dun minuto liscou coa máquina sen que ninguén se decatara do roubo. Víctor Martínez,  encargado: "A verdade é que hai que botarlle cara, con esa parsimonia, como se fose del. Ir correndo cunha segadora sen cesta, apagada, a todo meter pola estrada..." Os empregados estaban ao fondo do local, na zona do taller, e non se decataron da xogada.

Cren que o ladrón ía coller primeiro unha motoserra, pero estaba desmontada e optou por coller a segadora, que tampouco estaba completa. A máquina valerá uns mil euros e aínda contan con poder recuperala. Víctor Martínez., encargado: "É unha segadora normal, de gasolina, nova a estrear, pero vai sen cesta de recollida, que aínda non a montáramos." Neste negocio, situado preto do estadio de Pasarón, botan en falta máis vixilancia. Hai quince días desvalixáronlles unha das furgonetas de traballo.
 

Noticias web

08/07/2019