Un labrego de Lugo recupera técnicas tradicionais de adestramento dos bois
Seguramente, unha das cousas que aprendemos desta pandemia foi o valor inmenso das cousas que nos ofrece o noso agro, ese sector de produción primario sen o cal nos sería imposible sobrevivir.
Gallardo e Artillero, dous machos de raza rubia galega dun ano de idade, xa están preparados para substituír o tractor nos labores agrícolas desta explotación de Xove. O seu propietario recuperou técnicas de adestramento que levaba 40 anos sen utilizar co obxectivo, sobre todo, de que non se perda esa sabedoría popular.
Primeiro hai que amansar os animais ata xuntalos e despois colocarlles, por esa orde, as molidas, o xugo e as cordas. Despois hai que unir ese conxunto coa cabezalla do carro e axeitalo á chavella para que non se mova.
Esta técnica ancestral foi recuperada durante o confinamento por un hostaleiro de Xove que aporoveitou a inactividade para retomar os traballos que realizaba de cativo. Malia levar máis de catro décadas sen practicar, asegura que non lle esqueceu o xeito de realizar a tarefa.
"Se naceches no medio deles, xa os coñeces. Así que collín e deilles un pouco penso ata ramalealos. Chamei un amigo e entre os dous xunguímolos. E portáronse bastante ben".
Os bois, Gallardo e Artillero, naceron na casa e foron elixidos para levar o xugo pola súa docilidade. Son dous exemplares dun ano que, cando medren, poden pasar amplamente dos mil quilos de peso. Aínda que só os xunguiron tres veces, xa amosan aptitudes para o tiro, polo que o seu propietario non desbota levalos a feiras e demostracións ou a campionatos de arrastre. O que quere é que non se perda o coñecemento que supón o traballo cos animais.
"A intención é adestralos todo o que se poida e apuntalos ao que faga falta. Desfiles, carrozas, campionatos de arrastre... o que sexa. Non se desbota nada porque teño todos os apeiros".
Postos a recuperar tradicións, na casa de Cesáreo tamén se puxeron a cocer pan no forno de pedra, como se facía antigamente e cos mesmos apeiros e técnicas.