CRTVG

Buscar

Un laboratorio de Lugo crea un protocolo para garantir que os negocios cumpren coas medidas de seguridade

Publicado o 05/06/2020 20:52

O temor e a desconfianza convertéronse nunha especie de virus para os negocios. Para combatelos, un laboratorio da cidade de Lugo desenvolveu un protocolo de control que garante que en espazos como oficinas e locais comerciais non hai presenza do coronavirus e que se toman as medidas para que non poida aparecer. E é que a confianza é esencial para que os negocios remonten despois destes meses de perdas.

Avaliar os riscos de aparición do virus, detectar en que zonas pode xurdir e comprobar a eficacia das medidas de desinfección que se toman nos establecementos, corrixíndoas se é necesario. Así é como funciona Covid-19 Control System, un protocolo de actuación desenvolvido por este laboratorio lugués para que os clientes dos negocios poidan entrar neles sen ningún temor ao contaxio.

"A técnica utilizada é por PCR, algo que xa nos soa a todos. Un método científico que é o que utilizamos nas nosas análises."

Os técnicos fan unha análise do establecemento e recollen diferentes mostras. Se todo está en orde e as medidas de protección son axeitadas, o laboratorio facilitará un selo mediante código QR que avala o traballo realizado. O que viría ser un recoñecemento ao esforzo que se fixo. O proceso pode durar tres días como moito.

"Os usuarios, empregados e clientes poden escanear o código e terán toda a información dos pasos que se seguiron, as medias tomadas, o día e a hora..."

Como é lóxico non abonda con obter o selo senón que se fai un seguimento periódico para garantir que se manteñen todas as medidas que levaron á súa obtención. Nos vindeiros días xa se poderán ver os primeiros selos na entrada dos negocios.

Noticias web

05/06/2020