CRTVG

Buscar

Un instituto da Estrada realiza un estudo diario do aire con medidores de CO2 para evitar contaxios

Publicado o 29/04/2021 14:24

No IES Antón Losada da Estrada querían saber con exactitude se a ventilación que se estaba a realizar nas aulas era a axeitada para previr os contaxios por covid-19. Para iso, decidiron comprar medidores de CO2. En plena terceira vaga da pandemia, profesorado e alumnado traballaron da man para analizar cada día como se ventilaba unha aula. Todo quedaba recollido nunha ficha coma esta.

Inés López Pose, alumna de 1º de bacharelato do IES Antón Losada Diéguez, explica como "aí tiñamos que marcar se a algunhas horas pechabamos un pouco as ventanas, se pechabamos a porta, porque cando o fixemos facía máis frío que agora, entón había veces que tiñamos que pechar porque facía moito vento ou porque chovía e tiñamos moito frío". 

Cada tarde, descargábanse os datos dos medidores de CO2 e cotexábanse coa situación das portas e fiestras en cada momento.

Xosé Eixo Branco, profesor de Matemáticas do IES Antón Losada Diéguez, asegura que "cando se abre a porta e se mantén ventilación ceuzada, os niveis de concentración baixan a uns niveis moi aceptables, entre 400 e 600 que son niveis moi aceptables. No momento en que se pecha a porta vese que a concentración chegaba as 700, 750, 800 e moito máis se se mantiñan as ventás pechadas".

Foi así como demostraron a eficacia da ventilación cruzada para previr a propagación do virus.

"Horas e horas coas ventás abertas, pasando frío no inverno, ás veces pechábanse para que se puidera dar clase cunha certa normalidade, sen enfermar", relata Xabier Camba Sanmartín, vicedirector do IES Antonio Losada Diéguez da Estrada, que afirma que "a implicación do profesorado, do alumnado, de todos os traballadores do centro, deste e de todos, foi excepcional e segue sendo".

No Antón Losada Diéguez houbo alumnos e alumnas que se contaxiaron fóra do centro, pero o instituto conseguiu evitar que se desen gromos dentro das súas propias aulas.