CRTVG

Buscar

O Consello Consultivo de Galicia ve ilegais as subas da peaxe extra na AP-9

Publicado o 27/05/2020 15:12

Un informe do Consello Consultivo analiza a suba do 1% das peaxes durante 20 anos, coa que se compensa a concesionaria da autoestrada polas obras de ampliación na ponte de Rande e na circunvalación de Santiago. Di que a normativa en que se fundamentou o Goberno central xa estaba derrogada cando se aprobou o incremento. E dálle a razón á Xunta, que sempre cuestionou estas subas extraordinarias.

A suba extraordinaria de tarifas para compensar os investimentos da concesionaria da AP-9 en Rande e Santiago son, para o Consello Consultivo de Galicia, ilegais e nulas. Así o conclúe nun informe elaborado a petición da Xunta sobre os reais decretos do Goberno central que ampararon o incremento das peaxes. Di que se basearon en normativas derrogadas, que as obras non eran ineludibles e ve un beneficio fiscal encuberto.

"Porque non se tramitaron conforme á lei de cointratos, en segundo lugar porque supoñen incrementos de peaxe por actuacións que van máis alá das propias ampliacións da autoestrada. E o máis grave, porque supón unha bonificación fiscal encuberta a favor da autoestrada", di Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Ao ser os usuarios, pagando máis nas peaxes, os que sufragan parte do imposto de sociedades da empresa. Os afectados polas obras aplauden este ditame.

Diego Maraña, presidente de En-Colectivo: "Unha vez máis demóstranse as prebendas que ten esta autoestrada en todo o relacionado co incremento das peaxes e de prazos, o que repercute na economía familiar de todos os galegos no seu díaa a día". 

Din que apoia a súa denuncia en Bruxelas.

 

Noticias web

27/05/2020