CRTVG

Buscar

Un incendio nunha residencia de maiores de Sevilla deixa un morto e varios feridos

Publicado o 06/01/2021 09:41

Unha muller de 89 anos morreu esta pasada noite no incendio dunha residencia de maiores de Sevilla. Ademais, 18 persoas tiveron que ser hospitalizados, cinco en estado grave. O resto dos residentes foron realoxados xa noutros centros da capital andaluza. 

A voz de alarma dérona os veciños ao comprobar que da residencia saía moito fume. Ocorreu pouco antes das once da noite. Tanto bombeiros, como policía local, traballadores do centro e tamén a cidadanía organizáronse para unha evacuación rápida e exitosa.

A residencia de anciáns Adorea Domus VI, sita nun barrio céntrico de Sevilla, ten capacidade para 108 persoas. Os máis dos residentes, 78, foron trasladados en autobuses a un polideportvo onde se habilitou unha zona para a supervisión sanitaria. Máis tarde realoxáronos noutros centros e en casas de familiares. Unha muller de 89 anos morreu e 18 residentes tiveron que ser hospitalizados. Cinco deles están graves.

Polo momento, descoñécense as causas que puideron provocar o lume, os traballos dos bombeiros centráronse no segundo e terceiro andar, as zonas máis afectadas, con ata un metro de fume intenso. A residencia, unha das máis castigadas pola covid na primeira vaga da pandemia -morreron 16 persoas-, quedou completamente evacuada á medianoite.

 

Noticias web

06/01/2021