CRTVG

Buscar

A fábrica de Stellantis Vigo (PSA) retoma a produción tres horas despois do incendio

Publicado o 26/03/2021 17:24
A fábrica de Stellantis Vigo (PSA) retoma a produción tres horas despois do incendio

A planta de Stellantis Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) reiniciou a produción na tarde deste venres, unhas tres horas despois de que tivese que parar a súa actividade ao declarase un incendio na nave de pintura, polo que non houbo que lamentar danos persoais.   

Segundo trasladaron fontes sindicais, unha vez que a situación estivo controlada, traballouse de cara a reiniciar a produción. Así, ao redor das 16,00 horas púidose reactivar a actividade e a previsión é traballar con normalidade na quenda de noite e no de fin de semana.   

Fontes da empresa indicaron que aínda están paradas algunhas instalacións das zonas afectadas polas chamas, polo que a produción vai "a un ritmo menor" , aínda que se espera que tanto esas zonas como o ritmo de produción "se vaian recuperando progresivamente" ao longo das próximas horas. 

Efectivos de Bombeiros de Vigo desprazáronse ata a fábrica de Stellantis para traballar na extinción dun lume declarado na nave de pintura, aínda que non hai que lamentar danos persoais. Segundo informaron fontes de Bombeiros, a chamada recibiuse pouco despois das 13,00 horas deste venres.

Ata o lugar desprazáronse un vehículo de Bombeiros do parque de Balaídos e outro de Teis. Fontes da empresa indicaron que os sistemas de evacuación e de extinción da propia factoría "funcionaron correctamente". Aínda así, solicitouse a axuda dos bombeiros de Vigo, que acudiron con dúas dotacións para reforzar os labores de extinción do lume.

O incendio, de pequenas dimensións, produciuse na nave de pinturas por causas aínda descoñecidas. No interior do recinto atopábanse unhas 300 persoas, que foron evacuadas, non habendo que lamentar danos persoais.

Este suceso supuxo parar a produción para avaliar os danos e investigar o ocorrido. Na actualidade a factoría xa tiña suspendida a produción no sistema M1, que monta o Peugeot 2008, o Citroën C-Elysée e o Peugeot 301, debido á persistencia dos problemas de subministración derivados da chamada crise dos semicondutores (microchips).