CRTVG

Buscar

Restablecido o tráfico ferroviario Ourense-Zamora, interrompido polo lume

Publicado o 16/08/2021 09:23

• A proximidade do incendio de Vilar de Barrio obrigou a cortar a conexión entre Galicia e Madrid esta mañá

Un incendio forestal rexistrado no concello de Vilar de Barrio, na parroquia de Prado, permanece activo tras obrigar a cortar a vía férrea Zamora-Ourense pola noite, segundo informa a Consellería do Medio Rural. O lume iniciouse ás 22,35 horas e Medio Rural apunta a unhas 20 hectáreas de superficie arrasada polas chamas.

No seu control levan participado ata o de agora catro axentes, 12 brigadas, catro motobombas e dúas pas. 

O tráfico ferroviario entre Zamora e Ourense recuperou a normalidade tras o corte ao que obrigou a proximidade do incendio en Vilar de Barrio, que afectou tres trens Alvia que conectan Madrid coa comunidade galega. En concreto, o corte produciuse entre Vilar de Barrio e Laza- Cerdedelo, segundo informan fontes de Renfe consultadas por Europa Press.

Desde as 8 ás 10,15 horas provocou a interrupción do tráfico ferroviario e afectou eses tres Alvia entre Madrid e Galicia: o que vai de Ferrol a Madrid-Chamartín, que rexistrou 81 minutos de atraso; o que vai de Pontevedra a Chamartín (140 minutos de atraso) e o de Chamartín a Vigo, que unicamente estivo catro minutos detido.

 

 

Noticias web

16/08/2021